miércoles, 24 de diciembre de 2008

O Apalpador

Contan os mais vellos do Courel e do Cebreiro
que a noite do Natal dos montes baixaba un vello.
Era un vello rebuldeiro, de oficio era carboeiro
que aos nenos daba castañas do seu próprio castiñeiro.

E deixaron os devanceiros da Galiza ancestral
unha mensaxe aos galegos que conviña espallar:
recuperai a tradición do Apalpador palpadoreiro
dai-lle vida ao Apalpador de Ferrol até o Bierzo.

A História do Apalpador
Moito antes de que o Pai Natal ou os Reis Magos viñesen importados dende outras latitudes, na Galiza existía unha figura mítica propia do Nadal: O Apalpador. Mas nestes tempos de présa e consumo, o persoeiro autóctono ficou no esquecemento.

O Apalpador é un vello xigante, de oficio carboeiro, que vive nas devesas das altas montañas. Na noite de Nadal baixaba ás aldeas para achegarse aos nenos e ás nenas que durmían. Caladiñamente, apalpáballes as barrigas para ver se os pícaros estaban ben alimentados. Logo de desexarlle que no ano vindeiro non pasasen máis fame, marchaba deixándolles unha boa presada de castañas quentes.

A tradición, recollida por José André Lôpez Gonçález nas comarcas do Courel e do Cebreiro, reflicte a conexión desta figura con outras semellantes como o Olentzero, o Pai Inverno ou o propio Papá Noel. Os investigadores cren que se trata dun costume de orixe pre-cristián que no seu momento debeu estar espallado por todo o país e que foi desaparecendo progresivamente.

A Recuperación da Tradición
Hai un ano, desde a asociación A Gentalha do Pichel comezaron unha campaña para recuperar a tradición do Apalpador na Galiza baseandose nos estudos de José André Lôpez Gonçâlez, e ocupáronse en crear unha imaxe para esta personaxa lendaria galega e difundir a sua história.

Este ano editaron folletos informativos que repartiron polas ruas, coa imaxe do apalpador e a sua história.

Desde os centros sociais repartidos pola xeografia galega uníronse a esta iniciativa para recuperar a nosa tradición, e grazas a eles este ano o Apalpador percorrerá as ruas de diversas cidades galegas: Lugo, Pontevedra, Ponteareas, Vigo, Ferrol, Compostela e Ponferrada.

Á iniciativa, ademais dos Centros Sociais, sumouse a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza por ser o Apalpador un recoñecido ecoloxista que anima a todos a exercer un consumo responsábel.

Para espallar a nova, este ano publicouse información sobre o Apalpador en diversos médios de comunicación galegos, como xornais (La Voz de Galicia, Diário de Ferrol, El Correo Gallego, Faro de Vigo,...) emisoras de rádio (Radio Galega, Radio Voz) e, especialmente, pola rede.

Hai quen dixo desta iniciativa de re-introducir na Galiza a tradición do Apalpador, conservada ainda na memória dos mais vellos habitantes das montañas da Galiza oriental que se trata de "ánsias diferenciadoras", "folclorismo" ou "invención da tradición" esquecendo, claro é, que a tradición é sempre reelaborada e reinventada, é que quizá teña mais sentido que a reinvente o movimento popular que a Coca Cola ou Adidas.

Axuda ti tamén a espallar a nova! Este Nadal abrámoslle as portas ao Apalpador!


Gracias Suso...

No hay comentarios: